Conde destaca que o Congreso Internacional de Drons de Ourense é unha oportunidade para avanzar no desenvolvemento deste sector

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou esta mañá o I Congreso Internacional de Drons que desde hoxe e ata o domingo se celebra en Expourense e agradeceu á Asociación e ao Colexio Oficial de Graduados e Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións a súa iniciativa de organizar este evento sobre un sector con moito potencial en Galicia: “É unha magnífica oportunidade para seguir sumando nun proxecto no que Galicia quere apostar polo desenvolvemento dos avións non tripulados desde o punto de vista industrial, tecnolóxico e innovador”, destacou.

O conselleiro explicou que a comunidade conta, no ámbito aeronáutico, cun “triángulo” que traballa de xeito coordinado composto por tres vértices: o grado de Enxeñería Aeroespacial de Ourense, o Centro de Innovación Aeroespacial de Nigrán e o polo tecnolóxico e industrial de Rozas. “O obxectivo claro é a creación de emprego cualificado e o posicionamento da comunidade desde o punto de vista da innovación e da industria”, asegurou.

Neste sentido, tal e como explicou, xa se están vendo os primeiros resultados en Rozas, onde o Goberno galego está a realizar un investimento de 150 millóns de euros en colaboración con Indra e Inaer.

Actualmente o proxecto xa conta con 80 profesionais traballando e 12 empresas e centros tecnolóxicos e de coñecemento de Galicia que mobilizarán 12 millóns de euros. Conde engadiu que se van investir, de xeito inmediato, un total de 14 millóns de euros nas primeiras 7 licitacións en proxectos que mellorarán os recursos acuáticos, o territorio e o tráfico aéreo.

“Galicia estase a posicionar á vangarda dun sector importante e de potencial que supón unha oportunidade para o tecido produtivo galego, as universidades e os centros tecnolóxicos”, subliñou e engadiu que durante tres días Ourense será a capital dos avións non tripulados con mesas redondas e relatorios sobre temas como lexislación, seguridade, proxectos destacados en campos como a agricultura, a prevención de incendios ou o naval e cunha parte lúdica. “Este congreso vai permitir achegar este sector aos máis novos para que teñan un primeiro coñecemento de cara a onde van as profesións do futuro, á vez que as familias desfrutan de diferentes actividades”, afirmou ao tempo que indicou que a Xunta estará atenta a todas as relatorios porque permitirán ter “unha visión de futuro sobre cara a onde temos que traballar”.

O conselleiro finalizou desexando que este congreso se consolide en Ourense facendo desta cidade un dos polos imprescindibles para o desenvolvemento do sector en Galicia.

FONTE: XUNTA.GAL

Be the first to comment on "Conde destaca que o Congreso Internacional de Drons de Ourense é unha oportunidade para avanzar no desenvolvemento deste sector"

Deja un comentario.

Tu dirección de correo no será publicada.


*